Esbardallo logo existo
Inicio > Historias > Nunca Mais
> Nunca Mais <


Orixinal multilingüe nesta páxina

Ás 15:15 do 13 de novembro de 2002 o petroleiro "Prestige", que navegaba fronte ás costas de Galiza, lanzaba un S.O.S. alertando das súas grandes dificultades. Á deriva durante seis días, acabou por afundir orixinando unha catástrofe ecolóxica e social sen precedentes na nosa historia.

Un ano despois seguimos á espera de que demitan os cargos públicos que coas súas decisións inapropriadas convertiron o accidente nunha traxedia para un país.

Este blog non esquece aos culpaveis da desfeita nin comparte o discurso triunfalista das autoridades, e é consciente de que desde o governo aínda non se tomou ningunha medida que poida evitar que algo así volva producirse no futuro.
Seguiremos exigiendo responsabilidades.
Nunca Máis


"E tal día fixo un ano". Adóitase dicir así para encomendar ao esquecemento os acontecementos aos que lles damos unha importancia desmesurada. Imaxino que ao longo destes trescentos sesenta e cinco días os políticos involucrados no desastre do Prestige repetiron tal dito coa esperanza de acadar para a súa responsabilidade un agocho seguro.
E esta semana cúmprese o primeiro cabodano deste suceso, un dos máis tráxicos da nosa historia, que eles fixeron dar en inesquecible coa súa incompetencia e coa súa soberbia. Mal sería para nós se fose cumprido o desexo que o seu negro corazón agacha de non sabermos tirar aprendizaxe e experiencia deste asunto.
Agora sabemos que non temos "estadiño", que a súa autonomía e o seu estatuto son un xeito máis de nos ter sometidos e de anular a nosa capacidade de decisión e de reacción: ninguén faga nada que isto lévase desde Madrid, parece ser que dixo alguén con moito mando. Que marchen a cazar, insistiu. E os de aquí (que son os mesmos que os de aló) foron obedientes a corcear, como diría Fole, que paga "elcortinglés".
Pero tamén aprendimos que non temos estado. Que aquel ao que pertencemos por imperativo legal tampouco valía para nada que non fose andar co barco de enriba para embaixo ciscando merda coma quen caga nun ventilador. Mentres uns cazaban e os outros ollaban para outro sitio asubiando ao aire.
Daquela soubemos de vez que o noso só terá saída se somos quen de coller o futuro nas nosas mans. Que é coas nosas mans espidas co único instrumento que contamos para sermos alguén. Que nada podemos agardar duns políticos mentireiros e falsarios que nin se atrevían a vir, porque ademais son covardes e estúpidos.
E comprobamos con tristeza pero con orgullo como soaban máis de duascentas mil voces a coro no Obradoiro; como se unían as mans dos nenos e nenas galegos para encadear esta traxedia cun futuro máis esperanzador... Como medraba a indignación mentres se descubría a indignidade que os cobre e cubrirá. Como as fiestras e balcóns se enchían de berros en branco e negro, mentres o seu corazón remoía odio e rancor ao contemplar que non aparecía por ningún lado a resignación e a submisión con que eles contaban.
E así aprendizaxe tras aprendizaxe fomos construído unha experiencia nova, que é tanto coma dicir ter un novo coñecemento da realidade que nos achegue un pouco a nos facermos donos do noso futuro. A dicirlles que non podemos confiar en ninguén máis que en nós mesmos, porque nos demostraron que nos desprezan tanto que son capaces, como demostraron, de nos insultar e blasfemar impunemente. Dicirlles que sabemos que eles no fondo saben como de grande foi e é o noso sufrimento, pero ignoran qué grande é agora o nos coñecemento. Fixéronnos un gran dano, pero outorgáronnos podermos albiscar o camiño da sabedoría: os sabios son libres.
Tamén nos deixaron un rosario de tristes palabras: "hilillos de plastilina", "fuel que se convertirá en adoquín", "solo sabemos que no sabemos"... E outras perolas das que só quero destacar unha máis: "perros que ladran por las esquinas", porque na Costa da Morte dise que os cans que ladran nas vésperas do Nadal fano para dar o aviso de que chegan os esbirros de Herodes para degolar aos inocentes.
Haberá quen me diga que non albisca tales aprendizaxes na realidade de hoxe, pero quero dicirlle a quen así o pense, que as mudanzas que se obran nos corazóns tardan en se manifestar na sociedade. Por iso me atrevo agora a dicir que hai un ano que comezou para moitísimos galegos un tempo novo e, coa súa forza, xa NUNCA MÁIS será nada coma antes.

Xabier P. Docampo
Novembro 2003


Idea: Martin Pawley Web: IaRRoVaWo'S CReaTioNS Texto: Xabier P. Docampo Traducción: Martin Pawley

2003-11-13, 23:39 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://esbardalladas.blogalia.com//trackbacks/12995

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.92.155.160 (2f34c8419b)
Comentario


Cosas viejas
<Septiembre 2017
Lu Ma Mi Ju Vi Sa Do
        1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30  
             

Documentos

Categorías

Blogalia

Blogalia

© akin